Ciclo de Krebs
Coñécese tamén cos nomes de ciclo do ácido cítrico e ciclo dos ácidos tricarboxílicos. É unha ruta metabólica que se produce na matriz mitocondrial nas células eucarióticas e no citoplasma das células procarióticas. Esta ruta cíclica estúdase normalmente no catabolismo, pero tamén intervén en procesos anabólicos. Ás rutas metabólicas que participan nos dous sentidos do metabolismo chámaselles «rutas anfibólicas».
Oxidación total da glicosa e outras moléculas orgánicas
No ciclo de Krebs o acetato que chega en forma de acetil-CoA convértese en dúas moléculas de CO2. Desta maneira termina o catabolismo da glicosa, cos seus seis átomos de carbono oxidados a CO2.
- Glicólise: Glicosa (6C) → 2 Piruvato (2·3C)
- Descarboxilación: 2 Piruvato (2·3C) → 2 Acetato (2·2C) + 2 CO2
- Ciclo de Krebs: 2 Acetato (2·2C) → 4 CO2
No ciclo de Krebs converxen tamén as rutas catabólicas dos ácidos graxos, que entran tamén transformados en forma de Acetil-CoA e dos aminoácidos. Os aminoácidos entran algúns como acetil-CoA e outros convertidos noutros dos metabolitos do ciclo.
Transportadores de electróns e ATP
No ciclo de Krebs hai oxidacións que orixinan electróns de alto nivel de enerxía en tres [NADH + H+] e un FADH2 por cada volta do ciclo. En cada volta fórmase tamén unha mólécula de ATP.
Esquema en tres fases
Para comprender máis facilmente o ciclo podemos diferencialo en tres fases:
- Incorporación do acetato: En primeiro lugar o acetato do acetil-CoA únese a un ácido de catro carbonos, o oxalacetato, formando un ácido de seis carbonos, o ácido cítrico. A esta fase se lle chama tamén «condensación».
- Descarboxilacións: Dous grupos carboxilo do citrato oxídanse a CO2, formándose durante esas oxidacións dous [NADH + H+] e quedando un ácido de catro carbonos, o succinato, unido a coenzima-A (Succinil-CoA).
- Rexeneración do oxalacetato: Nesta fase a liberación do Acetil-CoA xenera unha molécula de ATP (pasando primeiro por GDP + Pi ↔ GTP) e prodúcense dúas oxidacións que renden un FADH2 e un [NADH + H+].
Función no anabolismo
O ciclo de Krebs ten tamén función anabólica. Varios dos metabolitos do ciclo son precursores para a síntese de glicosa (gliconeoxénese), ácidos graxos e outros lípidos, aminoácidos e bases nitroxenadas.
Leave a Reply