Skip to content
08/05/2011 / naturaxiz

Inmunidade artificial

Reciben este nome os métodos de estimulación ou axuda artificiais do sistema inmunitario. Se o procedemento estimula a activación dunha resposta inmunitaria natural denomínase inmunidade artificial activa, é o método da vacinación. Se se axuda ao sistema inmunitario sen estimular a súa resposta natural denomínase inmunidade artificial pasiva, é o caso dos soros inmunolóxicos.


VACINAS

A vacinación consiste na introdución no organismo dun antíxeno co fin de provocar unha resposta inmune primaria sen que se contraia a enfermidade. A reacción inmune primaria estimula la formación de células de memoria para o antíxeno, de xeito que un posterior contacto co patóxeno provocará unha reacción secundaria, máis rápida, efectiva e eficaz, sen producir os síntomas da enfermidade.

Historia

O descubrimento da inmunidade artificial activa débese ao médico rural inglés Edward Jenner, a finais do século XVIII, coa utilización da variola da vacas para inmunizar ás persoas contra a variola humana.

A variola das vacas é unha variante da enfermidade que produce síntomas moi lenes en humanos. Naquela época a xente que tiña contacto cotiá con vacas contraía con frecuencia esta variante lene da variola. Jenner observou que as persoas que padeceran a variante vacúa da enfermidade non enfermaban da variola humana. A súa idea foi provocar a inmunización inoculando pus das vexigas de persoas que tiñan variola vacúa en persoas sans. A experiencia tivo éxito, e aos poucos anos a práctica da inoculation da variola vacuna estaba moi extendida. É especialmente interesante o caso da Real Expedición Filantŕopica de la Vacuna, idea do médico alacantino Francisco Javier Balmis e sufragada polo reinado de Carlos IV, que partiu do porto de A Coruña en 1804 coa intención de aplicar a vacina da variola en todos os territorios do imperio español.

Jenner_vac_his_child_580

Jenner vacinando ao seu fillo, gravado francés de finais do s. XIX.

w

O químico francés Louis Pasteur foi quen descubriu que as doenzas infecciosas son causadas por microorganismos (teoría microbiana das enfermidades contaxiosas), e foi quen xeneralizou o concepto da inmunización artificial activa aplicándoo a outros patóxenos. Pasteur estableceu o termo “vacina”, do latín vaccinus, “de vaca”, como recoñecemento ao traballo de Jenner. Despois de experimentos con diferentes enfermidades en varias especies de gando, en 1885 Pasteur curou a un neno mordido por un can rabioso inoculándolle virus da rabia atenuados. A partir das experiencias de Pasteur a “inoculación” acadou aceptación xeral e comezou o desenvolvemento e aplicación xeneralizada das vacinacións.


Principais tipos de vacinas

Patóxenos desactivados: Os patóxenos cultivados en grandes cantidades destrúense por medios químicos ou por calor, de maneira que perdan a súa capacidade infecciosa pero conserven os antíxenos ou as rexións dos epítopos destes. Ex: vacinas da gripe, do cólera, da peste, da hepatite A …

Patóxenos atenuados: Son microbios vivos ou virus activos pero coa súa capacidade infecciosa atenuada. Poden ser microbios atenuados artificialmente ou organismos con parentesco moi próximo co patóxeno pero inofensivos. Este tipo de vacinas adoitan ser as máis eficaces e as que proporcionan inmunidade durante máis tempo. Ex: vacinas do sarampelo, papeiras, rubeola, varicela, poliomielite (vacina oral), febre amarela, tuberculose (vacina BCG) …

Vacinas subunitarias: Consisten en porcións de proteína da superficie do patóxeno que conteñen os epítopos que desencadean a resposta inmunitaria. Prodúcense mediante o cultivo de lévedos modificados xeneticamente. Ex: vacinas da hepatite B, papiloma, gripe …

Toxoides: Utilízanse para as doenzas infecciosas nas que o axente patóxeno son as toxinas producidas polo microbio. A vacina consiste na toxina desnaturalizada pero que conserva algúns dos seus epítopos. Ex: vacinas da difteria e do tétanos.

polio_oral_vaccination_520

Vacina oral da poliomielite


SOROS INMUNOLÓXICOS

A inmunidade pasiva consiste na introdución no organismo de anticorpos preformados mediante os soros inmunolóxicos.

Soros inmunolóxicos de orixe animal

Tétanos: O anticorpo que neutraliza a toxina producida por Clostridium tetani obtense mediante a inoculación da bacteria ou da toxina nun animal inmune á enfermidade, por exemplo no cabalo. Do plasma sanguíneo do animal extraese o anticorpo, co que se prepara o “antisoro” (soro que contén un anticorpo). O antisoro antitetánico utilízase cando hai risco de infección a causa de feridas en personas non vacinadas. Os atisoros proporcionan protección é a curto prazo, pois estes anticorpos son catabolizados en pouco tempo.

Antídotos contra velenos: Obtéñense introducindo doses axeitadas do veleno en animais, cabalos ou ovellas, e extraendo despois o anticorpo do plasma sanguíneo. Por exemplo os antisoros que se utilizan para tratar mordeduras de serpes velenosas.

serum_caricature_520

Caricatura alemana sobre o soro inmunolóxico (1894)


Inmunoglobulina humana

A utilización de anticorpos procedentes doutras especies pode provocar a reacción do sistema inmunitario fronte á proteína estraña, producindo o síndrome de tipo alérxico coñecido como “enfermidade do soro” ou mesmo un shock anafiláctico.

A gamma globulina ou inmunoglobulina G (IgG) é o tipo de anticorpos máis abundante. A fracción IgG do plasma sepárase de sangue doado para transfusións que pola súa antigüidade xa non é útil para ese fin. O preparado faise con mesturas de plasma procedente de varios miles de doantes, con isto estímase que contén anticorpos IgG para a maioría das doenzas humanas. Esta inmunoglobulina humana de efecto xeral utilízase para tratar doenzas como a hepatite A, o sarampelo e a rubeola, e nas inmmunodeficiencias.

Tamén se utilizan inmunoglobulinas específicas obtidas de individuos inmunizados activamente contra unha enfermidade. Estas gamma globulinas específicas utilízanse principalmente no tratamento da rabia, tétano e varicela.
Catálogo de antisoros e inmunoglobilinas

A inmunoglobulina do factor Rh (RhIg ou Rh0 GAM) utilízase para a previr a sensibilización das nais Rh negativas fronte a un feto Rh positivo.
Máis sobre a incopatibilidade Rh nai-feto

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s