Skip to content
04/05/2011 / naturaxiz

Inmunidade adaptativa humoral

A resposta inmunitaria humoral depende fundamentalmente dos linfocitos B, coa participación dun tipo de linfocitos T auxiliares chamados linfocitos Th2 (helper T cells 2).


ACTIVACIÓN DOS LINFOCITOS B

Os linfocitos B actúan en primeiro lugar como células presentadoras de antíxenos:
Os receptores do antíxeno dos linfocitos B (BCR, B cell receptors) únense a antíxenos de procedencia extracelular. As moléculas de antíxeno son fagocitadas polo linfocito B, que as dixire en fragmentos pequenos. Os fragmentos de antíxeno resultantes pasan á membrana celular unidos a moléculas MHC-II.

Os linfocitos Th2 únense ao antíxeno presentado polos linfocitos B, e segregan interleucinas.

Por acción destas interleucinas os linfocitos B entran nun proceso de mitoses sucesivas, dando lugar a un clon de células con BCR idénticos.

Unha parte destes linfocitos B clonados transfórmanse en células plasmáticas, que producen anticorpos (*) específicos para o antíxeno que provocou o a resposta inmunitaria. Estes anticorpos levan o parátopo, lugar de recoñecemento do antíxeno, idéntico ao do BCR específico.

As moléculas de anticorpo únense aos antíxenos causantes do desencadeamento da resposta humoral mediante o recoñecemento entre o epítopo do entíxeno e o parátopo do anticorpo, formando os complexos antíxeno-anticorpo.

O complexos antíxeno-anticorpo actúan de diversas maneiras, provocando procesos que conducen á inactivación ou á lise do patóxeno portador do antíxeno específico: neutralizan toxinas, impiden a actividade dos microbios, activan a vía clásica do sistema do complemento, provocando a fagocitose por opsonización e a formación dos complexos de ataque de membrana, etc.

B_cell_activation_320

Esquema da activación dos lifocitos B

W

Animación sobre as funcións dos anticorpos:

W

(*) Os anticorpos chámanse tamén inmunoglobulinas, de aí a denominación dos diferentes tipos de anticorpos co acrónimo Ig (IgA, IgD, IgE, IgG, IgM).


RESPOSTAS HUMORAIS PRIMARIA E SECUNDARIA

A resposta primaria corresponde ao primeiro contacto do organismo co antíxeno, segundo o descrito anteriormente.
Unha parte dos linfocitos B clonados na resposta primaria non se transforman en células plasmáticas produtoras de anticorpos, se non que se converten en células de longa duración chamadas linfocitos B de memoria.
Estas células de memoria, igual que as células plasmáticas, pertencen ao clon de células resultantes da resposta primaria, e polo tanto conteñen os mesmos BCR, é dicir, idéticos parátopos específicos para o antixeno desencadeante da reacción.

A resposta secundaria é a correspondente aos contactos co mesmo antíxeno cando xa se produciu unha resposta primaria. Neste caso o sistema inmunitario conta con numerosas células de memoria específicas para ese antíxeno almacenadas nos órganos linfáticos e circulando no sangue. Nestes seguintes contactos co patóxeno a reacción é moito máis rápida e eficaz: agora as células que se activan son moito máis numerosas que a primeira vez, fórmanse moitas máis células plasmáticas, e polo tanto, unha cantidade moito maior de anticorpos.

A resposta secundaria, resultado da capacidade de memoria do sistema inmunitario, é a base da inmunidade adquirida natural, xa coñecida de antigo, e do funcionamento das vacinas.

Memoria nos linfocitos T

A inmunidade adquirida, natural ou artificial (vacinas), depende dos linfocitos B, que teñen moléculas MHC de tipo II, capaces de actuar con patóxenos extracelulares. A inmunidade adquirida coñécese de antigo no que atinxe a enfermidades infecciosas e toxinas externas tales como velenos de animais. As vacinas utilízanse para combater doenzas infecciosas ou alérxenos. Todo isto corresponde aos antíxenos extracelulares ou esóxenos, os que son presentados polas moléculas MHC-II

Pero experimentos realizados mediante transplantes en ratos mostraron que tamén existe memoria inmunitaria na resposta a antíxenos intracelulares, polo que debe haber tamén linfocitos T de memoria.

Se a un rato B se lle transplanta un anaco de pel dun rato A, o rexeitamento tarda en manifestarse, o que correspondería a unha resposta primaria.
Se, máis tarde, ao rato B se lle transplanta de novo pel do rato A, o rexeitamento é moito máis rápido. Un transplante dun terceiro rato C no rato B segue a ter un rexeitamento lento, pois neste caso estase a producir unha resposta primaria.

Esquema e explicación (en inglés) nesta ligazón.


TEORÍA DA SELECCIÓN CLONAL

Segundo esta hipótese, hoxe amplamente aceptada, o organismo posúe en principio unha enorme variedade de receptores de antíxenos nos seus linfocitos, calcúlase que da orde de 109, tendo cada célula un só tipo de receptor, destinado a un antíxeno específico.

Durante e desenvolvemento embrionario prodúcese unha primeira selección, que elimina aqueles linfocitos que teñen antíxenos para as células propias.

As células resultantes desta primeira criba permanecen nos órganos linfoides como reserva de linfocitos inactivos.

O contacto con diferentes antíxenos ao longo da vida do individuo provoca a activación e formación de clones sucesivos daquelas células que teñen receptores para eses antíxenos, aumentando o número e dispoñibilidade de linfocitos para os antíxenos cos que se vai tendo contacto.

Por outro lado, haberá tamén moitas células que non entren nunca en contacto co seu antíxeno específico, polo que nunca entrarán en proceso de maduración.

W

Clonal_selection_250 Selección clonal dos linfocitos

1. Célula nai hematopoiética.

2. Linfocitos inmaturos con gran diversidade de receptores.

3. Antíxenos propios.e eliminación das células que posúen receptores para eles.

4. Lifocitos maduros inactivos.

5. Antíxeno esóxeno.

6. Clon de linfocitos activos.


Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s