Skip to content
01/05/2011 / naturaxiz

Inmunidade adaptativa celular

As respostas do organismo ante a presencia de antíxenos pode ser de dous tipos:

Resposta celular, mediada polos linfocitos T, citotóxicos e auxiliares.
Resposta humoral, mediada polos linfocitos B e con produción de anticorpos.


A RESPOSTA INMUNE CELULAR

A superficie dos linfocitos T contén miles de receptores, chamados TCRs (T cell receptors). Estes receptores únense aos complexos moleculares MHC da superficie das células presentadoras de antíxenos.

A zona do antíxeno recoñecida polo sistema inmunitario, neste caso, a zona ao que se une o TCR, chámase epítopo, e a zona do TCR que se une ao epítopo chámase parátopo.

Os TCR poden posuír dous tipos de glicoproteínas: CD4 e CD8. Os linfocitos T que conteñen cada tipo de glicoproteína chámanse respectivamente CD4+ e CD8+ (o superíndice “+” significa “positivo”, e procede do resultado nas probas de presencia de cada unha das glicoproteínas, CD4 e CD8).

Os linfocitos CD8+ únense aos epítopos que se presentan unidos a moléculas MHC-I, que son os de orixe intracelular, e existen en case todas as células do organismo.

Os linfocitos CD4+ únense aos epítopos que se presentan unidos a moléculas MHC-II, correspondentes a antíxenos de orixe extracelular, presentes só en células especializadas: macrófagos e outros fagocitos, células dendríticas e linfocitos B.


Lifocitos T CD8+ ou citotóxicos

Os linfocitos T CD8+, tamén chamados linfocitos citotóxicos atacan ás células infectadas por virus ou por parasitos intracelulares, células canceríxenas e células alleas procedentes de transplantes, ás que recoñecen polos antíxenos unidos ás moléculas MHC-I.

Na figura a continuación móstrase a unión entre unha célula infectada por un virus e un linfocito citotóxico. O acrónimo HLA (human leukocyte antigen) é sinónimo de MHC (major histoconpatibility complex), nunha nomenclatura algo máis antiga.

cytotoxicTCell

A unión do receptor do linfocito T CD8+ (TCR) co antíxeno complementario presentado pola MHC-I na superficie da célula obxectivo (target cell) desencadea dous tipos de accións que levan á destrución desta:

Liberación de perforinas: As perforinas liberadas ao medio intercelular únense á membrana da célula obxectivo e forman poros nela, provocando a súa lise. Hai que sinalar que o linfocito citotóxico e a célula obxectivo están “tocándose”, de forma que as perforinas non se difunden no medio e actúan só sobre a célula obxectivo, e non sobre outras células próximas.

Indución da apoptose: A unión do do linfocito T CD8+ coa célula obxectivo induce a produción de activadores da apoptose, FasL, que son recoñecidos polos receptores da indución á apoptose, FasR, que teñen a maioría das células na súa membrana, co que se inicia o proceso morte celular inducida ou “suicidio celular” na célula obxectivo.

Animación mostrando o proceso de maduración e a acción dos linfocitos T CD8+


Lifocitos T CD4+, auxiliares ou Th
(T helper cells)

A función dos linfocitos auxiliares, CD4+ ou Th, é a estimulación e regulación de moitos dos procesos da inmunidade mediante as interleucinas, moléculas intermediarias do sistema inmunitario con funcións moi diversas.

A activación dos linfocitos auxiliares é semellante á explicada para os linfocitos citotóxicos, coa diferenza de que os seus receptores recoñecen os antíxenos presentados por moléculas MHC de tipo II, especializadas nos antíxenos de orixe extracelular, e para a unión antíxeno-receptor teñen lipoproteínas do tipo CD4. A activación por esta vía é o que desencadea a liberación das interleucinas.

Dado que os receptores de antíxenos dos linfocitos auxiliares son de tipo CD4, e que estes se unen aos antíxenos presentados polos complexos MHC-II, estas células actúan contra antíxenos de orixe extracelular, ao contrario que os linfocitos citotóxicos. Isto significa que os lifocitos auxiliares son colaboradores fundamentais na resposta inmunitaria específica fronte a todo tipo de patóxenos de acción extracelular: virus na súa etapa extracelular, bacterias, fungos, alérxenos, toxinas, protozoos, vermes …

A figura a continuación é un esquema simplificado do sistema inmunitario humano no que se pode apreciar a situación central dos linfocitos Th como estimuladores e reguladores da resposta inmunitaria mediante as interleucinas.

newImmuneSystemOverview

O papel fundamental dos linfocitos auxiliares vese claramente no sida. Na evolución desta enfermidade obsérvase unha diminución progresiva da cantidade de linfocitos T CD4+, xa que son as células parasitadas principalmente polo VIH. A perda de linfocitos T CD4+ derivada da infección polo VIH provoca unha diminución xeneralizada da resposta inmunitaria fronte aos patóxenos externos, o que facilita o desenvolvemento das infeccións oportunistas, infeccións que serían lenes ou asintomáticas nunha persoa san, pero poden ser graves e mesmo mortais nunha persoa coa enfermidade en fase activa.

Animación mostrando a maduración e acción dos linfocitos auxiliares de tipo 2 (Th2)

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s