Skip to content
25/04/2011 / naturaxiz

Inmunidade innata ou inespecífica

A inmunidade innata ou inéspecífica inclúe os sistemas de defensa do organismo que actúan de maneira xeneralista, proporcionando unha acción rápida fronte a calquera tipo de axente patóxeno. Os mecanismos de resposta deste tipo de inmunidade existen dende o nacemento e non varían ao longo da vida. Os procesos fundamentais da inmunidade inespecífica son a inflamación e o sistema do complemento.


INFLAMACIÓN

A inflamación é a unha resposta inespecífica e local á presencia de axentes estraños no medio interno. O recoñecemento do axente estraño provoca a formación de substancias mediadoras que desencadean o proceso inflamatorio.

No tecido afectado aumenta o rego sanguíneo, provocando o avermellamento (rubor) e a sensación de calor. A parede dos capilares (endotelio) faise máis permeable ao plasma, de maneira que este pasa ao tecido provocando o inchazo (edema). Os fagocitos, grupo de leucocitos especializados na fagocitose, tamén pasan do sangue ao tecido a través do endotelio, proceso denominado diapédese. A inflamación dun tecido estimula os receptores nerviosos da dor. Tamén se poden producir substancias piróxenas, que actúan sobre o hipotálamo, centro nervioso onde reside o control da temperatura corporal, producindo a febre.

A reacción de inflamación supón unha limpeza do tecido por fagocitose dos axentes estraños e lavado do mesmo mediante o aporte extra de plasma sanguíneo, que despois é retirado polo sistema linfático. A acumulación de plasma e fagocitos que non poden ser retirados totalmente pola linfa pode provocar a formación do pus. A drenaxe do tecido inflamado a través do sistema linfático pode conducir a acumulacións de patóxenos e restos de células nos ganglios, o que provoca a inflamación destes nas zonas próximas á inflamación primaria.

Una inflamación moi intensa, prolongada ou repetida pode ter efectos perxudiciais no tecido por destrución parcial do mesmo. Isto pode producirse en casos de infección locais persistentes e nos procesos de autoinmunidade.

W

W


O SISTEMA DO COMPLEMENTO

O sistema do complemento é un conxunto de proteínas plasmáticas que producen a lise das células patóxenas, potencian a fagocitose e estimulan a inflamación.
Estas proteínas están presentes no plasma en forma de precursores estables, e actívanse no momento da infección, producindo cadeas de reaccións nas que se forman os diferentes compoñentes activos do sistema.

As principais accións do sistema de complemento son:

Formación de complexos de ataque de membrana (MAC, membrane attack complex ): O final da cadea de reaccións dá lugar a proteínas que se unen á membrana das células patóxenas formando canles. Estes permiten a difusión descontrolada entre o interior e o exterior da célula infeciosa, provocando a a súa lise.

Opsonización: Certas proteínas do sistema do complemento únense á membranas dos patóxenos, atraendo aos fagocitos cara eles (quimiotaxe). O termo procede da palabra do grego antigo ὄψον (opson), que significa condimento ou mollo, aquelo que fai máis apetitoso o alimento.

Tamén interveñen na activación da reacción inflamatoria.

A cadea de reaccións do sistema do complemento pode seguir tres camiños diferentes:

Vía clásica: Recibe este nome porque foi a que se descubriu en primeiro lugar. Nesta a activación do sistema prodúcese coa formación dos complexos antíxeno-anticorpo, que son parte da inmunidade específica ou adaptativa.

Via alternativa: Recibe este nome por ter sido descuberta máis tarde. Neste caso a cadea de reaccións actívase so coa presencia do patóxeno, sen intervención dos anticorpos.

Vía da lecitina: e é unha variante da vía clásica.

Complement_pathway_320

Vías clásica e alternativa do sistema do complemento

W

Animación da vía clasica en Proyecto Biosfera

Animación da vía alternativa en Proyecto Biosfera

Esquema máis completo das diversas rutas do sistema do complemento


AS CÉLULAS DA INMUNIDADE INNATA

Son células encargadas de eliminar microbios patóxenos, substancias estrañas e células danadas. Os seus nomes son descritivos das observacións con microscopio óptico e da resposta ás tinguiduras utilizadas. A maioría pertencen ao grupo dos leucocitos -ou glóbulos brancos- do sangue, aínda que se atopan tamén na linfa e órganos linfoides e nas tecidos conectivos. As que teñen como función principal a fagocitose reciben tamén o nome xenérico de fagocitos.

A primeira gran división estableceuse polo aspecto do citoplasma ao microscopio:

Granulocitos: Presentan gránulos no citoplasma que se tinguen intensamente. Tamén se lles chama polimorfonucleares debido ao aspecto lobulado do núcleo.

Agranulocitos: Non presentan eses gránulos.

Os diferentes tipos de GRANULOCITOS noméanse polo seu comportamento ante os colorantes utilizados en microscopía:

Neutrófilos (tínguense con colorantes neutros): Son os máis abundantes, ao redor do 60% dos leucocitos en humanos adultos. Teñen un núcleo multilobulado. Realizan a fagocitose principalmente de bacterias en infeccións e procesos inflamatorios locais.

Eosinófilos (tínguense co colorante eosina): Representan o 1-5 % dos leucocitos. O seu núcleo e bilobulado. Actúan fronte a parásitos animais ou protozoos e interveñen na regulación dos procesos inflamatorios e alérxicos.

Basófilos (tínguense con colorantes básicos): Representan menos do 1% dos leucocitos. O seu núcleo é bi ou trilobulado. Activan as reaccións inflamatorias e alérxicas mediante a produción de histamina.

Os AGRANULOCITOS que actúan na inmunidade inespecífica son os monocitos e as células NK.

Monocitos: Son o 2-10% dos leucocitos. Están no sangue e pasan aos tecidos polo proceso de diapédese. Unha vez fóra do sangue transfórmanse en células fagocitadoras: macrófagos e células dendríticas. O conxunto dos monocitos e células derivadas constitúe o sistema retículo-endotelial. Os monocitos teñen tamén un papel fundamental na inmunidade específica como presentadores dos anticorpos.

Células NK (natural killers) ou células asasinas naturais: Actúan contra as células canceríxenas e ás células infectadas por virus emitindo as proteínas chamadas porinas, que crean poros na membrana das células atacadas, producindo a súa morte por desequilibrio osmótico ou inducindo a apoptose (morte celular programada).

Os mastocitos son outro tipo de células que interveñen na inmunidade inespecífica. Atópanse nos tecidos conectivos, principalmente na pel e nas mucosas. Producen mediadores desencadeantes da inflamación e da alerxia, principalmente histamina e serotonina. Estas substancias atópanse en vesículas do citoplasma (gránulos) e son liberados cando a célula é activada. Os mastocitos teñen polo tanto un papel fundamental como activadores da inflamación no caso de feridas e de infeccións que entran a través da pel ou das mucosas. Por outra parte son os principais responsables das reaccións alérxicas cutáneas e respiratorias. Os mastocitos, ante certos alérxenos e en casos de hipersensibilidade a eles, poden liberar o contido dos seus gránulos en grandes cantidades e dun xeito repentino, provocando unha reacción alérxica xeneralizada por todo o organismo chamada choque (ou shock) anafiláctico.

Os leucocitos, o mesmo que as demais células sanguíneas, e tamén os mastocitos, fórmanse por diferenciación de células nai dos tecidos hematopoiéticos (formadores de sangue). En adultos o tecido hematopoiético é a médula ósea vermella, situada nos poros do tecido óseo esponxoso.

W

Illu_blood_cell_lineage_(pt)


Liñaxe das células do sangue

W


AS MOLÉCULAS DA INMUNIDADE INNATA

Histamina: Desencadena a reaccións inflamatoria e alérxicas. É producida polos granulocitos basófilos e polos mastocitos. Ademais do seu papel na inmunidade é un neurotransmisor. É un derivado do aminoácido histidina por eliminación do grupo carboxilo.

Histamin_120.png

Histamina

Serotonina: É máis coñecida como neurotransmisor, xa que ten unha influencia moi importante no estado de ánimo das persoas. Ten ademais outras diversas funcións no organismo, ente elas a intervención na activación do proceso inflamatorio. Quimicamente é un derivado do aminoácido triptófano.

Serotonin_170.png

Serotonina

Prostaglandinas: Son lípidos do grupo dos eicosanoides. A súa acción é de comunicación intercelular e semellante á das hormonas pero a un nivel local, xa que actúan sobre a mesma célula que as produce (acción autocrina) ou sobre as células veciñas (acción paracrina). As súas función principais na inflamación son a vasodilatación, que fai aumentar o fluxo sanguineo na zona inflamada, estimulación dos receptores nerviosos da dor e como piróxenos.

Citocinas: É un grupo moi complexo de proteínas de pequeno peso molecular que interveñen na comunicación intercelular. Na inmunidade inespecífica actúan como reguladores do proceso de inflamación.

Proteínas do sistema do complemento: Clasíficanse en nove tipos, nomeados con números, dende C1 ata C9, que á súa vez comprenden máis subtipos, constituíndo un conxunto de rutas metabólicas interrelacionadas moi complexo.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s