Skip to content
23/04/2011 / naturaxiz

Inmunidade: barreiras externas

A inmunidade é o sistema de defensa do organismo fronte a axentes patóxenos.

Nas defensas inmunitarias diferéncianse tres niveis:

Barreiras externas: Tentan impedir a entrada dos axentes patóxenos no medio interno.

Inmunidade inespecífica ou innata: Actúa cando se produce a entrada dos axentes patóxenos no medio interno, dunha maneira xeral, igual ante calquera patóxeno.

Inmunidade específica ou adaptativa: actúa de maneira específica ante cada patóxeno, como resultado dun proceso de adaptación ou aprendizaxe.


BARREIRAS EXTERNAS

Son a pel e as mucosas, estruturas que constitúen a fronteira entre o medio externo e o medio interno. Nestes órganos pódense diferenciar tres tipos de barreiras inmunitarias: mecánicas, químicas e biolóxicas.


Barreiras mecánicas

A capa córnea da pel está constituída fundamentalmente por queratina, e fórmase por acumulación de células mortas do epitelio epidérmico. Esta capa externa da epiderme representa un obstáculo á entrada de microbios ou de substancias hidrosolubles debido á súa impermeabilidade e ao seu escaso contido en auga. A secreción das glándulas sebáceas é indispensable para a impermeabilidade da epiderme, pois a queratina, ao ser unha proteína, é hidrófila. A capa córnea da epiderme renóvase constantemente por descamación e aporte de queratina nova dende o interior.

Nas mucosas e na epiderme as unións estreitas entre as células epiteliais representan unha barreira case infranqueable para calquera corpo estraño.

O moco que recobre os epitelios das mucosas retén as partículas estrañas, e estas son eliminadas mediante a renovación constante do moco.
No tubo dixestivo o moco é eliminado coas feces. Nas vías respiratorias o moco desprázase mediante células ciliadas que o moven cara a farinxe, dende onde vai ao tubo dixestivo. As bágoas van ás fosas nasais a través do conduto lacrimal, o moco nasal e a saliva á farinxe, etc.
O exceso de bágoas, o exceso de moco nasal, a tose e o espirro son mecanismos de limpeza extra en casos de infección ou de presenza de substancias irritantes.


Barreiras químicas

Na pel a secreción das glándulas sebáceas, o suor, e a actividade das bacterias comensais producen un pH lixeiramente ácido, pouco apto para a maioría dos microbios.
Nas mucosas tamén pode haber secrecións ácidas, como é o caso da mucosa vaxinal.
A secreción ácida e as peptidasas do estómago tamén cumpren unha importante función microbicida.

A saliva, as bágoas e o moco nasal conteñen o enzima lisozima, que hidroliza a parede celular das bacterias.

A pel e as vías respiratorias conteñen ademais péptidos antimicrobianos, chamados β-defensinas.


Barreiras biolóxicas

A poboación de bacterias comensais da pel e das mucosas impide o desenvolvemento de microbios patóxenos mediante competencia polo espacio e polo alimento e mediante as condicións químicas que xera nestes medios.

Tras un tratamento con antibióticos pouco específicos poden aparecer problemas de infección por microbios oportunistas que atopan un medio libre onde desenvolverse. Por exemplo as infeccións por fungos nos xenitais externos, infeccións da uretra e problemas gastrointestinais. No caso do intestino a recuperación da microbiota natural pódese conseguir coa inxestión de alimentos ricos en bacterias, como iogur e semellantes.

W

Skin_480

Anatomía da pel

W

Epidermis_380

Detalle da epiderme

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s