Skip to content
27/12/2010 / naturaxiz

Paredes celulares

A parede celular é unha estrutura grosa e máis ou menos ríxida situada por fóra da membrana plasmática. Teñen parede celular as células das plantas, das algas, dos fungos, das bacterias e das arqueobacterias. Non teñen parede as células dos animais e dos protozoos.


PAREDE CELULAR VEXETAL

Está composta fundamentalmente polos polisacáridos celulosa, hemicelulosa e pectina. É permeable á auga e aos solutos de baixo peso molecular como ións, gases e moléculas orgánicas pequenas. A rixidez da parede celular vexetal depende en gran parte do estado de turxencia, provocado pola presión osmótica interna do citoplasma.

Turgor_pressure_on_plant_cells_diagram_500

Estados de turxencia da célula vexetal

A parede celular vexetal está formada por tres capas distintas: lámina media, parede primaria e parede secundaria.

A lámina media é a capa exterior e é a primeira que se forma na telofase da mitose, está formada principalmente por pectina e actúa como cemento de unión entre as células.

A parede primaria está formada por unha rede pouco densa e pouco ordenada de fibras de celulosa cementadas por heteropolisacáridos (hemicelulosa e pectinas), proteínas e ións inorgánicos. O contido de auga da parede primaria e dun 80% ou máis.

Plant_cell_wall_diagram-en

Estrutura da parede primaria

A parede secundaria fórmase no lado interior da parede primaria. É ríxida, o que impide o crecemento e a mitose da célula despois da súa formación, polo que os tecidos con parede secundaria non poden seguir medrando, aínda que si poden ter certo alongamento. Está formada por capas de fibras de celulosa dispostas en diferentes direccións, con proporcións de heteropolisacáridos e auga escasas. Normalmente está reforzada con polímeros complexos como a lignina, que aporta rixidez aos tecidos leñosos, ou a suberina, que fai impermeables os tecidos corticais.

colorplantcell

Esquema dunha célula vexetal con parede secundaria

A parede celular vexetal está sempre perforada polos plasmosdemos, que permiten a comunicación directa dos citoplasmas e dos RE entre as células dos tecidos vexetais.


ALGAS

A parede celular das algas está formada por celulosa e diversos heteropolisacáridos, como a agarosa (ágar-ágar), ácido alxínico, etc., moitos deles utilizados como xelificantes. As diatomeas son un caso especial, teñen unha parede ríxida formada por dúas valvas, chamada frústula, composta por ácido silícico (H4SiO4).


FUNGOS

A parede celular da maioría dos fungos está composta fundamentalmente por quitina.


PAREDE CELULAR BACTERIANA

Está composta polo heterósido peptidoglicano ou mureína. A estrutura da parede é diferente nos dous grandes grupos de bacterias: Gram positivas e Gram negativas. Esta denominación provén da resposta das bacterias ao método de tinción de Gram para observalas ao microscopio óptico, as Gram positivas tínguense e as Gram negativas non.

Nas bacterias Gram positivas a capa de peptidoglicano é grosa e está en contacto directo co medio.

Nas bacterias Gram negativas a capa de peptidoglicano é moi delgada e está recuberta exteriormente por unha membrana plasmática externa.

Gram-Cell-Wall-Català_320

Paredes celulares en bacterias


ARQUEOBACTERIAS

Nas arqueobacterias coñécense paredes celulares de diversas composicións. No grupo das metanóxenas a composición é semellante ao peptidoglicano das eubacterias, pero con certas diferencias químicas. A membrana plasmática destes organismos tamén é bastante diferente á do resto dos seres vivos.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s