Skip to content
26/12/2010 / naturaxiz

Unións entre as células

En todos os tecidos existen zonas de unión entre células contiguas ou entre unha célula e a matriz extracelular. Segundo a súa función principal estas unións pódense clasificar en tres tipos: Unións de oclusión, unións de ancoraxe e unións de comunicación.


UNIÓNS DE OCLUSIÓN

Unións estreitas (tight junctions, ou tamén zonula ocludens)

Dentro das unións de oclusión as máis importantes son as unións estreitas, que selan o espacio entre as células dos epitelios, evitando o paso de substancias dun lado a outro do tecido a través do medio intercelular. Deste xeito as células epiteliais controlan o paso das substancias, como por exemplo na absorción dos nutrientes a través do epitelio intestinal. As unións estreitas están na zona apical das células do epitelio, están formadas por complexos de proteínas (claudina, ocludina, etc. ), e reforzadas dentro das células por filamentos de actina do citoesqueleto.

Cellular_tight_junction_cut

Unións estreitas no epitelio intestinal


UNIÓNS DE ANCORAXE

Unen células entre si ou á matriz extracelular, exercendo como reforzo mecánico do tecido.


Unións adherentes
(adherens junctions, ou tamén zonula adherens)

As unións adherentes aparecen nos epitelios embaixo da zona de unións estreitas. As membranas das células veciñas están unidas por proteínas da familia das cadherinas e a unión está reforzada por filamentos de actina intracelulares. Este tipo de unión non é hermética como as unións estreitas, e os filamentos de actina asociados forman unha banda paralela á membrana.

Adherens_Junctions

Unións adherentes


Desmosomas
(tamén macula adherens)

Os desmosomas están formados por placas nas que se reúnen fibras de queratina do citoesqueleto (filamentos intermedios) de cada célula e que quedan unidas entre si mediante proteínas adherentes (cadherinas) situadas no medio intercelular. Son máis abundantes nos tecidos sometidos a esforzos mecánicos, por exemplo na epiderme.

Desmosome_cell_junction

Desmosomas

Os hemidesmosomas fixan a célula á matriz extracelular, por exemplo as células epiteliais á membrana basal. O aspecto é igual a medio desmosoma do lado da célula, sen a estrutura correspondente do lado da matriz intercelular.


UNIÓNS DE COMUNICACIÓN

Permiten o paso de substancias entre as células veciñas.Nos tecidos animais son as unións gap e nos vexetais os plasmodesmos.


Unións gap
(do termo inglés gap)

As unións gap son poros que comunican as células veciñas entre si. Está formadas por dúas partes ou hemiporos chamados conexonas, unha en cada célula. Cada conexona é un hexámero da proteína conexina. As unións gap poden abrir ou pechar en resposta a estímulos químicos. Unha das funcións coñecidas das unións gap é a sincronización da acción das células, por exemplo na contracción do músculo cardíaco.

Gap_cell_junction_en

Unións gap


Plasmodesmos

Son poros que atravesan as paredes celulares. Están recubertos interiormente por membrana celular e polo seu interior vai un tubo que comunica os RE das dúas células (desmotúbulo). entre a membrana plasmática e a membrana do desmotúbulo hai proteínas que poden regular o paso das substancias. Os plasmodesmos aparecen agrupados en rexións chamadas punteaduras. Estas punteaduras son especialmente abundantes nos vasos do floema, que transportan a savia elaborada.

plasmodesmata.jpg

Plasmodesmo

W

>> Debuxo das diversas unións nos tecidos animais, copyrighted >>

Outras referencias:
“Bookshelf”, U.S. National Library of Medicine & National Institutes of Health: Cell Junktions

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s