Funcións da membrana plasmática
TRANSPORTE PASIVO
Chámase transporte pasivo ao paso de substancias a través da membrana plasmática sen gasto de enerxía, debido a que se realiza a favor do fenómeno da difusión, ou, dito de outra maneira, a favor do gradiente de concentración.
O transporte pasivo pode ser de dúas maneiras: por difusión simple ou por difusión facilitada.
Difusión simple
É o paso de substancias a través da membrana polo fenómeno da difusión. Prodúcese a favor do gradiente de concentración, é dicir, da zona de maior concentración á de menor concentración da substancia transportada. Non consume enerxía nin interveñen as proteínas da membrana.
As substancias que poden atravesar a membrana deste por difusión simple son as moléculas hidrófobas e as moléculas hidrófilas pequenas e e sen carga, como auga, osíxeno, dióxido de carbono, urea, etc.
As macromoléculas como proteínas e polisacáridos non poden atravesar a membrana plasmática por difusión a causa do seu tamaño. Isto explica o fenómeno da diálise nas membranas biolóxicas.
As moléculas con carga e os ións inorgánicos tampouco poden atravesar a membrana porque son rexeitadas pola zona hidrófoba correspondente aos ácidos graxos da bicapa de fosfolípidos. Isto explica o comportamento da membrana plasmática como membrana semipermeable.
Difusión facilitada
Igual que no caso anterior o movemento das moléculas realízase por difusión, ou o que é o mesmo, a favor do gradiente de concentración, e polo tanto, sen consumo de enerxía. A diferencia é que as moléculas non teñen que pasar pola zona hidrófoba da membrana, xa que pasan por canles de proteína que atravesan a bicapa lipídica dun lado a outro. Deste xeito poden atravesar a membrana as moléculas con carga eléctrica e os ións inorgánicos.
As proteínas transmembrana que permiten a difusión facilitada non son simples tubos, senón que exercen un control sobre este tipo de permeabilidade mediante cambios de conformación ou por especificidade fronte as moléculas que deixan pasar. Por exemplo, as proteínas canle poden abrir ou pechar o paso ás moléculas, e as chamadas carriers ou permeasas, permiten o paso das moléculas mediante cambios na súa conformación, sen haber canle permanente ningún.
TRANSPORTE ACTIVO
Este tipo de transporte realízase en contra do gradiente de concentración, e polo tanto precisa dun aporte de enerxía. Este tipo de transporte é realizado por proteínas transmembrana e a enerxía é procede en xeral de reaccións de hidrólise ATP → ADP + Pi acopladas ao proceso de transporte.
Un dos casos máis importantes de transporte activo é o da bomba Sodio-Potasio. Nas células animais existe un potencial de membrana permanente producido por un exceso de ións Na+ no exterior en un exceso de K+ no interior. Este potencial de membrana é mantido pola acción da bomba Na-K. A necesidade deste potencial de membrana está relacionada co mantemento da presión osmótica e o volume celular, coa transmisión do impulso nervioso, a contracción muscular, o transporte activo de glicosa, etc.
>> Animación da bomba Na-K en acción >>
ENDOCITOSE E EXOCITOSE
Os materiais demasiado grandes como para atravesar a membrana directamente, poden ser transportados dentro ou fóra da célula mediante vesículas. A endocitose é o proceso de transporte en masa cara o interior (internalización), prodúcese mediante a formación dunha invaxinación da membrana que por estrangulamento dá lugar a unha vesícula no interior da célula. A exocitose é o proceso de transporte cara o exterior (externalización), neste caso unha vesícula do interior da célula fusiónase coa membrana, vertendo o seu contido ao exterior.
Tipos de endocitose
Fagocitose: Corresponde á endocitose de partículas grandes, que mesmo poden ser outras células. A formación da vesícula é mediante a emisión de pseudópodos que rodean á partícula que vai ser endocitada. A vesícula xa dentro da célula chámase fagosoma. Ao fagosoma únense lisosomas que conteñen enzimas dixestivos, formando un vacúolo dixestivo.
Pinocitose: É a endocitose de material fundamentalmente líquido. Prodúcese por invaxinación da membrana, sen formación de pseudópodos.
Endocitose mediada por receptores: O material que vai ser internalizado é recoñecido por receptores específicos da membrana. A unión do material co receptor provoca a formación dun revestimento da proteína clatrina na cara interna da membrana. Este conxunto forma a invaxinación que termina por dar lugar á vesícula de endocitose.
Mmm!
que rico!
Leave a Reply