Skip to content
13/10/2010 / naturaxiz

Esas estrañas criaturas

Traducido de palaeoslogo_80.png

Clima do Neóxeno e adaptacións: “Estas estrañas criaturas”

O período Neóxeno comprende vintedous millóns de anos, durante os cales o mundo se fixo moito máis seco e frío, o que culminou co desastre das idades do xeo do Pleistoceno e as duras condicións dos nosos días. Durante este intervalo, o réxime climático relativamente estable e uniforme que fora o berce dos ecosistemas do mundo durante douscentos millóns de anos, desde finais do Triásico, terminou dunha maneira relativamente rápida. As condicións viñan deteriorándose desde o o final do Mesozoico. O Paleóxeno inclúe tempos de marcada inestabilidade climática dos que apenas se coñecen as causas, nos que as augas próximas aos polos comezaron a arrefriar. Con todo, o mundo do Paleóxeno foi aínda – cando menos para os estándares actuais – un mundo cuberto de bosques, cálido, húmido, e sen grandes oscilacións de temperatura estacionais ou rexionais.

A finais do Plioceno, todo isto chegou ao seu final. A deriva dos continentes pechara as augas do Ártico, ao se iren aproximando as ribeiras boreais de Asia e de Norteamérica. No sur, a Antártida, xa sen contacto con outras masas de terra firme, foi rodeada por unha corrente circumpolar. Os dous polos quedaron illados termicamente das augas cálidas ecuatoriais; e, quizais por primeira vez dende o Ordovícico, ambos dous polos acumularon grosas capas de xeo. O nivel do mar descendeu, reducindo aínda máis as temperaturas e a circulación das augas cálidas. Ao mesmo tempo, o peche virtual da circulación este-oeste a través do mar Mediterráneo o illamento das augas a cada lado das Américas, permitiu a acumulación de auga quente, e as correntes en círculo conduciron ao establecemento das estacións monzónicas.

O mundo secou. Formáronse enormes desertos no norte de África e na Asia central. Os mestos bosques do interior das Américas, Asia, Europa e mesmo Australia foron substituídos por chairas áridas, estepas, sabanas e tundra. As gramíneas apareceran ao comezo do Mioceno e axiña ocuparon o lugar dos bosques en retroceso. Pero as gramíneas son unha forraxe pobre: difíciles de dixerir, escasas en nutrientes e ricas en sílice que destrúe as dentaduras. Nas épocas frías morren e só quedan raíces. Baixo o martelo triplo da seca, a fame e o frío, as especies de herbívoros desapareceron ou cambiaron totalmente. Os seus predadores seguíronos na extinción ou na transformación. O Neóxeno tardío mostra a aparición de toda unha nova caste de cazadores, o depredador rastrexador, capaz de seguir ás escasas presas a longas distancias través do campo aberto en lugar de esperar pola oportunidade fácil que podería non chegar nunca. O perseguido desenvolveu tamén as súas respostas: comportamento de rabaño, migracións estacionais e corpo grande, adaptado á velocidade e á resistencia.

Outra liña de adaptación levou aos xeneralistas de corpo pequeno – roedores, mapaches, coellos e possumms – e aos seus depredadores, os raposos, gatos, cans e serpes. Estes xeneralistas son fundamentalmente herbívoros ou omnívoros, con hábitos parcialmente subterráneos, fortemente territoriais e con taxa de reprodución alta. Deles era a habilidade de explotar moitos recursos en condición favorables escasas e limitadas no espazo e no tempo, evitando a competencia e utilizando a reprodución rápida como defensa fronte aos predadores, para ocupar rapidamente novos territorios ou para se recuperar de desastres locais. Con frecuencia estes organismos desenvolveron o letargo estacional como forma de sobrevivir ás épocas máis duras do ano.

Unhas poucas especies non encaixan ben en ningunha destas categorías. Os humanos son unha. Os osos son outra. En certo sentido son especies hiperxeneralistas, capaces de utilizar un amplo repertorio de adaptacións do comportamento para compensar unha rechamante ausencia de capacidades corporais. Noutro sentido, apartáronse do estilo de vida máis común no Paleóxeno ou o Mesozoico tardío. A supervivencia deste grupo é difícil de comprender, cando tantas outras liñaxes máis robustas desapareceron. Un se pregunta que destino tería predito un biólogo imparcial do Plioceno a tan estrañas criaturas.

Die_Gartenlaube_Cenozoico_545

Imaxe do Cenozoico nunha escala estratigráfica de 1872

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s