Skip to content
29/07/2010 / naturaxiz

Acilglicéridos

Os acilglicéridos son ésteres da glicerina con ácidos graxos. Os grupos hidroxilo da glicerina (propanotriol) reaccionan cos carboxilos dos ácidos graxos formando unións éster.

R-OH (alcol) + HOOC-R’ (ácido carboxílico) ↔  R-O-CO-R’ (éster) + H2O (auga)

Habitualmente únese un ácido graxo a cada un dos grupos hidroxilo da glicerina, formando triacilglicéridos, denominados tamén graxas neutras.

Triacilglicérido

Os triacilglicéridos son o que comunmente recoñecemos como graxas. Son totalmente insolubles en auga porque todos os grupos polares están implicados nos enlaces éster. Nesta forma as células poden acumular ácidos graxos nun estado quimicamente inerte, e que ademais ocupa pouco volume por non estar en disolución.

As graxas con ácidos graxos insaturados, cun punto de fusión máis baixo, son máis comúns en plantas e en animais poiquilotermos. Nas plantas concéntranse especialmente nas sementes, como reserva de enerxía para o embrión, e máis raramente na pulpa de froitos carnosos, como é o caso da oliva ou aceituna. En xeral se lles chama aceites e as coñecemos en estado líquido.

As graxas con ácidos graxos saturados, con punto de fusión máis alto, son máis frecuentes nos animais homeotermos. Coñecémolas en estado sólido ou semisólido, cos nomes de sebo, manteiga, etc. No corpo dos animais homeotermos, ao estar a temperaturas próximas aos 40ºC son líquidas.

Graxa saturada: Tripalmitina.

Graxa insaturada: Trioleína


Funcións das graxas

  • Reserva enerxética: Os ácidos graxos son un combustible moi eficiente para a respiración celular porque as súas cadeas alifáticas son case a forma máis reducida posible da materia orgánica. A súa oxidación libera moita máis enerxía que a da glicosa, que é un composto moito máis oxidado.
  • Illante térmico: Aparte de reserva de enerxía, nos animais homeotermos a graxa do tecido adiposo subcutáneo ten a función de illante térmico entre o corpo e o medio exterior, que xeralmente está a unha temperatura moito máis baixa. Isto é ben rechamante na maioría das aves e mamíferos que viven dentro da auga, onde a perda de calor é moito maior, e en climas moi fríos.
  • Protección mecánica: Os tecidos graxos internos actúan como envoltura e protección dos órganos. En partes do corpo expostas a un gran esforzo mecánico existen tamén tecidos graxos que actúan acolchando esas zonas, como por exemplo nas almofadiñas dos pes de cans e gatos, nas plantas dos pés e das mans humanas, ou no monte púbico ou “monte de Venus”, máis desenvolvido nas mulleres, que protexe o pube durante o coito.
  • Protección externa: Outra función importante das graxas nos animais é protección exterior da pel e das formacións cutáneas como pelos e plumas. Nas aves acuáticas, con algunha rara excepción como a dos corvos mariños, esta graxa fai a plumaxe totalmente hidrófoba, permitíndolles estar na auga sen mollarse. Nalgúns mamíferos de vida acuática como a lontra e a rata de río sucede o mesmo, aínda que de forma menos perfecta.
  • Nutritiva: As graxas son un importante compoñente nutritivo dos ovos e do leite, onde que están presentes en forma de emulsión. Na alimentación en xeral as graxas son o vehículo de entrada das vitaminas liposolubles e dos ácidos graxos esenciais.
  • Almacenamento de substancias nocivas: As substancias tóxicas que non poden ser eliminadas polo sistema urinario por ser insolubles e que tampouco poden ser metabolizadas polo fígado mantéñense apartadas do metabolismo mediante a súa acumulación nos tecidos graxos. Un caso coñecido é o do DDT, un insecticida utilizado masivamente na segunda metade do século XX. Por non ser metabolizable por ningún ser vivo, o DDT está agora presente na graxa de todos os animais, e tamén no leite. O uso deste insecticida e outros semellantes ven sendo substituído dende finais do século pasado por outros “compostos orgánicos sintéticos”, tamén moi tóxicos, pero que se degradan nun tempo máis ou menos curto.


Hidrólise encimática e saponificación

A hidrólise biolóxica dos triacilglicéridos consiste na separación da glicerina e dos ácidos graxos. É a reacción inversa da esterificación, polo que se precisan tres moléculas de auga. Esta reacción é catalizada polas enzimas lipases, por exemplo as lipases pancreáticas e intestinais.

A obtención do xabón realízase mediante a hidrólise alcalina ou saponificación. Nesta reacción o papel da auga é realizado polo NaOH ou o KOH, co que os ácidos graxos quedan en forma de sales sódicas ou potásicas, é dicir, de xabón. A enerxía de activación do proceso neste caso é o calor.

Hidrólise alcalina ou saponificación dunha graxa

Advertisements

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s