Skip to content
23/07/2010 / naturaxiz

Heterósidos

Os heterósidos son substancias que teñen nas súas moléculas unha parte glicídica e outra non glicídica, á que se lle chama “aglicón”. Este aglicón é na maioría dos casos un péptido ou proteína ou un lípido. Non se inclúen os nucleótidos.


PEPTIDOGLICANO (MUREÍNA)

Forma a parede celular das eubacterias (a única parede nas bacterias Gram positivas e a parede interna nas bacterias Gram negativas).

É un polímero de dous derivados da glicosa, N-acetil-glicosamina e ácido N-acetil-murámico, unidos mediante enlaces β(1→4) que ten ademais unha cadea peptídica curta, con de tres a cinco aminoácidos, unida ao segundo dos monómeros.

As moléculas de polímero, de forma recta, únense mediante as cadeas peptídicas laterais e dispóñense en varias capas, formando unha estrutura resistente.

Unión das cadeas de mureína formando unha lámina

A mureína ten aminoácidos de conformación D e ácido diaminopimélico, que non existen nas proteínas. Isto impide que que a parede celular bacteriana sexa dixerida pola maioría das peptidases.

A lisozima, un enzima antibacteriano presente nas secrecións das mucosas como saliva, bágoas, etc., hidroliza os enlaces β(1→4) da mureína destruíndo a parede celular das bacterias.

Os antibióticos do tipo da penicilina impiden a síntese de peptidoglicano, co que as bacterias non se poden reproducir, ao non poder crear a parede de separación entre as células fillas.

Nas arqueobacterias a parede celular é de estrutura similar, pero dun polímero distinto, o pseudopeptidoglicano ou pseudomureína, que en lugar do ácido N-acetil murámico ten outro derivado da glicosa, e no que os enlaces son β(1→3).


GLICOPROTEÍNAS

Son proteínas que conteñen oligosacáridos unidos con enlaces covalentes. As súas funcións e localizacións son moi variadas. A xeito de exemplo:

Mucinas

Son o compoñente fundamental das secrecións dos tecidos epiteliais coñecidas en conxunto co nome de moco, na súa forma eufemística mucus. Forman xeles, que é o que son os mocos, e a súa función primordial e o mantemento da humidade, xa que como xeles que son, poden reter unha grande proporción de auga. A máis diso poden ofrecer protección mecánica e química, como por exemplo o moco do tubo dixestivo; protección antibacteriana, mediante a presencia de enzimas como a lisozima; retención de corpos estraños, como no caso do moco das vías respiratorias; lubricante, no tubo dixestivo, etc., etc.

Glicoproteínas da membrana plasmática

Ver en oligosacáridos.

Anticorpos

Son glicoproteínas moi complexas e variadas. A súa función é neutralizar calquera substancia extraña e potencialmente nociva que entre no organismo. O seu rol dentro do conxunto do sistema inmunitario verémolo no capítulo de inmunidade.


GLICOLÍPIDOS

Forman parte das membranas celulares, como xa vimos no apartado oligosacáridos. É dicir, son lípidos de membrana cunha parte glicídica orientada cara o exterior da célula e que forma parte do glicocálix.

Exemplos:

Cerebrósidos: teñen un só monosacárido, que pode ser glicosa ou galactosa. Os galactocerebrósidos son o compoñente máis abundante da vaíña de mielina das neuronas.

Gangliósidos: teñen un oligosacárido complexo e moi variable, o que se corresponde coa súa función no recoñecemento celular. Son especialmente abundantes nas neuronas, nas que tamén actúan como receptores na sinapse. Os oligosacáridos que determinan os grupos sanguíneos A, B, 0 nos eritrocitos están neste tipo de glicolípidos.

Estrutura dun gangliósido

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s