Skip to content
02/07/2010 / naturaxiz

Difusión e osmose

DIFUSIÓN

A difusión débese ao movemento térmico das partículas nos fluídos. Este movemento aleatorio provoca que calquera mestura fluída teña tendencia a facerse homoxénea en todo o seu volume.

Difusión


A DIFUSIÓN NAS CÉLULAS

Nunha disolución a diferencia de concentración entre dúas zonas da mesma produce un gradiente de concentración. O fenómeno da difusión maniféstase como un movemento das partículas de soluto dende a zona de maior concentración á zona de menor concentración, e tamén como movemento do disolvente en sentido contrario. Este desprazamento das partículas provocado pola difusión é unha forma de transporte importante nos sistemas biolóxicos, e se coñece como difusión simple, na que as substancias se moven “a favor do gradiente de concentración”.

Difusión simple na membrana celular


OSMOSE

A osmose é a difusión a través dunha membrana semipermeable. As membranas semipermeables permiten o paso das moléculas de auga pero non as de soluto.
Desta forma, a auga móvese dende a zona de menor concentración de soluto, chamada hipotónica, cara a zona de maior concentración, chamada hipertónica. Este desprazamento da auga obedece á súa difusión a través da membrana semipermeable.
Como só se pode desprazar a auga, o volume da zona hipertónica vai aumentando según se vai producindo a ósmose, o que produce un aumento da presión na zona hipertónica, que é o que se denomina presión osmótica.

A difusión da auga cara a disolución hipertónica (P1) produce a diferencia de nivel ΔH

Outro tipo de montaxe para a observación da presión osmótica


A OSMOSE NAS CÉLULAS

As membranas celulares compórtanse como semipermeables para as disolucións de substancias iónicas, de forma total para os ións inorgánicos sinxelos como Na+, K+, etc., e parcialmente para as moléculas orgánicas sinxelas como os azucres. Isto ten consecuencias moi importantes na relación das células co medio no que están inmersas:

Se o medio ten a mesma concentración de solutos que o interior da célula chámase medio isotónico. Neste caso non hai osmose, un medio isotónico é o medio axeitado para a maioría das células.

Se o medio ten unha concentración de solutos menor que o da célula chámese medio hipotónico. Nun medio hipotónico a célula irase enchendo de auga, aumentando a súa presión interna.
Esta presión osmótica interna é importante para as células dos vexetais, que teñen unha parede ríxida, porque lles proporciona a turxencia que dá a rixidez necesaria aos tecidos. As células sen parede, como as dos animais, inchan coa auga e poden chegar a estalar.

Se o medio ten unha concentración de solutos maior que o da célula chámase medio hipertónico. Nun medio hipertónico a auga sae da célula cara o medio exterior. Esta perda de auga na célula, chamada plasmolise, dificulta ou mesmo detén os procesos metabólicos e pode chegar á producir a morte da célula.

Osmose en células vexetais. O exceso de auga no medio hipotónico vai á vacuola e proporciona turxencia á célula.

Osmose nos glóbulos vermellos. Para as células animais o medio axeitado é o isotónico.


OUTROS EXEMPLOS DE OSMOSE

Unha das forma máis antigas de conservación dos alimentos consiste en engadirlles sal. Este exceso de sal produce un medio hipertónico para as bacterias descompoñedoras, que deste xeito ven detida a súa actividade. O secado e a adición de azucre teñen o mesmo efecto.

Outro aspecto biolóxico moi importante é a imposibilidade de almacenar glicosa como reserva enerxética nas células, xa que un almacenamento de glicosa ou de calquera azucre soluble aumentaría a presión osmótica. Para o seu almacenamento como reserva enerxética a glicosa ten que ser transformada en polímeros insolubles como o amidón e o glicóxeno.

Leave a Reply

Fill in your details below or click an icon to log in:

WordPress.com Logo

You are commenting using your WordPress.com account. Log Out / Change )

Twitter picture

You are commenting using your Twitter account. Log Out / Change )

Facebook photo

You are commenting using your Facebook account. Log Out / Change )

Google+ photo

You are commenting using your Google+ account. Log Out / Change )

Connecting to %s